Actividades ocio e tempo libre
Asociación Francisco Asorey
Rúa Betanzos, nº55- Detrás do colexio Apóstolo Santiago
CP 15703
Santiago de Compostela
616209735
E-mail: almaciga
O Barrio da Almáciga localízase ó norte do núcleo urbano de Santiago de Compostela. Está encadrado nas faldas do coñecido como "Monte da Almáciga", o cumio de este monte é desde 1992 un fermoso Parque coñecido co mesmo nome. Polo tanto a delimitación natural da Almáciga sería: ó Norte a "Rúa do Campo de Pastoriza", ó Sur o "Parque de Bonaval", ó Leste a "Rúa de Betanzos", e ó Oeste a "Rúa de Tras Santa Clara". Abrangue as seguintes rúas: Rúa de Arzúa, Rúa de Basquiños, Travesa de Basquiños, Ruela de Caramoniña, Rúa de Carballo, Rúa de Enfesta, Rúa do Escultor Asorey, Travesa do Escultor Asorey, Costiña do Monte, Rúa de Pastoriza, Travesa de Pastoriza, Rúa do Pino, Rúa de Teo, Rúa de Touro e Rúa de Tras Santa Clara.
O ámbito de actuación da Asociación é polo tanto o mencionado, aínda que tamén presta servicios ós veciños doutros barrios cercanos que non teñen Local-social propio como poden ser: A ESTILA, SAN CAETANO, etc. Asemade facilítase tamén a incorporación a calquera persoa de calquera barrio da cidade que esté interesada nalgún curso ou actividade en particular, ben porque non exista no seu barrio, ben porque non haxa prazas, etc.
A nosa asociación ten unha das ofertas lúdico-culturais das mellores de Compostela, co interés
máximo da directiva en facilitar en todo momento a participación dos veciños tanto nas actividades como na propia construcción, planificación e mellora do barrio a través das Asembleas de Veciños e da propia xestión da directiva da Asociación cos representantes do Concello, partidos políticos, etc., e ser así vehículo das demandas e preocupacións dos veciños do barrio.
Os obxetivos básicos da nosa asociación son: Mellora-las infraextructuras do Barrio (rúas, xardíns e saídas), Cohexiona-lo Barrio (co Local-social como punto de encontro), Ofertar actividades deportivas e lúdico-culturais, Favorecer a comunicación Barrio-Concello, e Mellorar en xeral a calidade de vida dos veciños da Almáciga.
Lembrade que, cada vez máis, a administración considera interlocutores válidos ás asociacións. Un só veciño ten voz, pero a súa voz vai a ser mellor escoitada si o seu problema é o problema de máis veciños. Pensamos que a mellor maneira de xuntar esforzos é por medio da Asociación de Veciños, por iso queremos invitarvos a que vos asociedes para que, xunto cos que estamos, poidamos reclamar con máis forza os nosos dereitos como veciños.
A situación do Local-social da "ASOCIACIÓN DE VECIÑOS FRANCISCO ASOREY" (...)
HISTORIA DA ASOCIACIÓN:
A "ASOCIACIÓN DE VECIÑOS FRANCISCO ASOREY" foi fundada no ano 1980, estamos pois a piques de celebrar o noso 25 aniversario. Leva o nome do escultor Francisco Asorey en lembranza dun dos máis ilustres veciños que habitaron o Barrio da Almáciga. O obxetivo do nacemento da Asociación era o de demandar melloras para o noso barrio e acadar unha maior calidade de vida para a súa veciñanza. Desde aqueles tempos se teñen conseguido moitas cousas, pero compre seguir traballando.
A partir das reivindicacións da veciñanza da Almáciga, o Concello redactou en 1995 un proxecto de acondicionamento urbano para o barrio. Tratábase de combate-lo progresivo deterioro da zona e mellora-la súa perspectiva visual. No ano 2000 a Asociación levou ó Concello outro paquete de demandas orientadas a mellora-las infraextructuras do barrio e conseguir un Local Social.
A consecución do Local-social en 1999 levou parella o inicio das numerosas actividades e cursiños que hoxe por hoxe ocupan case que tódalas franxas horarias e que fan que o noso Local quede xa pequeno a pesar do relativo pouco tempo que fai da súa inauguración.
É clásica xa desde fai moitos anos na Almáciga a organización da tradicional Cacharela e Sardiñada de "San Xoán", así como o desenvolvemento doutras actividades culturais e de lecer.
COMO FACERSE SOCIO:
Para ser socio de pleno dereito da ASOCIACIÓN "FRANCISCO ASOREY" da Almáciga só é preciso apuntarse no Local Social da nosa a Asociación, previo pago dunha anualidade de tan só 10 €uros. Este rexistro da dereito a participar nas Asembleas con voz e voto, a poder elexir e ser elexido membro da Directiva. Esta cuota anual asemade da dereito ó novo socio á participar tamén en toda-las actividades xerais e ó dereito de matrícula a un dos Cursos que se estén levando a cabo no noso Local Social.
A nosa asociación non cobra nengunha cantidade polos cursos, senón que esos cobros fanse efectivos polos propios monitores sen que a nosa Asociación quite outra contrapartida económica máis que a própia matrícula de 6 €uros/curso. Esta anualidade revirte nas nosas propias actividades pois a nosa asociación se define "sen ánimo de lucro", procurando sobre todo facilitar o máximo a todo-los veciños a participación activa.
BREVE HISTORIA DO BARRIO
ORIXE DO "MONTE DA ALMÁCIGA":
Palabra que deriva do árabe "AL-MASRIYYA", e significa: semilleiro. Máis concretamente sería un lugar onde se sembraban as semillas das plantas para transplanta-las despois.
Existe unha segunda acepción, tamén de orixe árabe; derivaría da palabra "AL-MASTAKÁ" e sería o nome dunha resina amarelada e aromática empregada para mastigar, obtida das pólas dunha variedade de arbusto chamado LENTISCO, de follas compostas, flores vermellas en acio, froito de drupa, e madeira moi dura. Esta resina era utilizada tamén na época como barniz.
A "BATALLA DA ALMÁCIGA":
Sabías que no que é actualmente o noso barrio aconteceu unha das batallas máis importantes na historia de Galicia?
En 1465 comezaba o LEVANTAMENTO IRMANDIÑO, posteriormente en Abril do ano 1467 coa Irmandade extendida por toda Galicia tería lugar o chamado GRAN LEVANTAMENTO. Os habitantes das cidades, os labregos e parte do baixo clero de Galicia xunto coa axuda e a colaboración e experiencia militar de tres coñecidos Señores: Diego de LEMOS, Afonso de LANZÓS e Pedro OSORIO e coa participación de máis de 80 mil homes por toda Galicia foron atacando e derrubando as numerosas Fortalezas dos Señores Feudais que dominaban e mandaban nas terras galegas naqueles tempos.
A práctica totalidade das Fortalezas existentes naquela época, incluída a compostelana da "Rocha Forte", e ata 130 segundo o "Preito Tavera-Fonseca" caeron baixo o asedio, poucas se salvaron. Tódolos Señores, menos os tres sinalados anteriormente, vironse obrigados a refuxiarse durante case que dous anos en Castela, Asturias ou Portugal.
Entre as causas alegadas para este Levantamento Irmandiño contra os grandes Señores Feudais que dominaban o territorio galego estaban: liberarse dos abusibos impostos requeridos polos seus Señores, tamén os culpabilizaban de albergar baixo a súa protección nas súas Fortalezas a bandidos, asasinos e malfeitores; entre outras moitas.
Con Galicia xa en mans da Irmandade houbo un breve periodo de calma. Os Irmandiños implantaron un sistema de xustiza moi semellante ó dos Señores, castigando delitos pequenos con moita severidade, incluida a pena de morte.
Os Señores galegos, todos unidos por primeira vez máis aló das súas inimizades persoais, facían mentres tanto os preparativos para voltar as súas terras e escarmentar ós Irmandiños. Coa sinatura do "Pacto de los Toros de Guisando", e retornada a paz ás terras de Castela, puideron recruta-los homes necesarios para a sinalada empresa.
No ano 1469 entraban os Señores galegos desde Castela, Asturias e Portugal. Polo Sur de Galicia e procedente de Portugal entraba Pedro ÁLVAREZ de SOTOMAYOR, coñecido popularmente como "Pedro Madruga" pola súa afeción a atacar sempre a mañanciña. Este, tras derrotar a uns 5 mil Irmandiños no "Castro de Aframela", dirixiuse a Pontevedra. Cando os Irmandiños divisaron a chegada do exército de Pedro Álvarez de Sotomayor decidiron retirarse tralos muros da cidade para resistir mellor a embestida.
Pero os plans de este eran outros, a súa intención era a de chegar a Compostela coas menores baixas posibles e xuntarse alí coas outras tropas como o tiñan planificado xa os Señores con anterioridade no seu exilio forzoso. Hai que lembrar que Compostela era a capital da Irmandade e estaba defendida polo xefe de esta, Pedro Osorio, o máis temible dos tres Señores que apoiaron o Levantamento Irmandiño.
Ante o asombro dos Irmandiños parapetados en Pontevedra, "Pedro Madruga" evitaba a cidade e aproveitando o refluxo mariño vadeaba o Río Lérez encamiñando cara a Compostela xa sen ningún contratempo.
Cando chegou a nosa cidade xa o estaban agardando outras tropas como as de Juán PIMENTEL ou as do Arcebispo FONSECA colocadas fronte a fronte ante as forzas Irmandiñas parapetadas estratéxicamente no chamado MONTE DA ALMÁCIGA.
Reunidos tódolos homes, concentraron o ataque aos Irmandiños na sección de terreo defendida por Pedro Osorio, o gran referente militar da Irmandade. Curiosamente este non estivo finalmente á altura do esperado polas dúas partes pois vendo que a cousa se puña fea foi práctico antes que valente, preferiu fuxir antes que estar en perigo de caer morto ou prisioneiro. Os Irmandiños eran vencidos en Compostela, era o comezo do fin do Movemento, a partir que aquí foron caendo en toda Galicia.
O BARRIO DA ALMÁCIGA:
A historia do Barrio da Almáciga estibo intimamente ligada á do Barrio de Pastoriza que era realmente o que tiña unha extructura poboacional ven definida. Nos primeiros Planos que puidemos ollar con atención nos que aparece ese sector da nosa cidade, todos posteriores a 1750, queda claro que o que hoxe entendemos como núcleo do barrio, o perimetral ao actual Parque da Almáciga (Antigo "Monte da Almáciga"), apenas estaba habitado.
O perimetral ao Monte da Almaciga no Plano de Juán López Freire, datado no ano 1796, aparece só salpicado por catro casas, a primeira situada na finca do actual número 26 da Rúa de Arzúa, e as outras tres casas nos actuais números 1, 8 e 9 da Travesa da Basquiños. O resto eran terras de labranza. O que si é claramente apreciable no mencionado Plano é a extructuración do barrio seguindo as liñas de tres antigas corredoiras que daban servizo e acceso as terras de cultivo naquela época, estas correodiras coinciden exactamente no seu trazado coas actuais: Rúa de Touro, Rúa de Teo, e Rúa de Arzúa.
Curiosamente unha das zonas máis habitadas era o que hoxe coñecemos como Ruela de Caramoniña, antes rúa, e que aínda agora conserva as fachadas de parte das numerosas construccións orixinais daquela época quedando constancia da importancia deste núcleo poboacional na demografía do barrio. As construccións desta zona eran moi sinselas, de planta baixa, seguramente era unha zona de arrabal moi dependente economicamente das actividades do Convento da San Domingos de Bonaval.
Pero sen dúbida, como queda constancia no mencionado Plano de 1796, o núcleo poboacional máis importante se repartía entre as actuales Rúa de Basquiños e Rúa de Pastoriza. Na actual Rúa de Basquiños estaba xa establecida unha importante poboación entre os actuales números 1 e 91 e os números 2 e 20. No que se refire á actual Rúa de Pastoriza estaba construida e habitada entre os números 8 e 23, casas con ortas traseiras. Temos que ter en conta que estas dúas rúas bordeaban o "Camiño Real Á Coruña" e era unha zona moi transitada.
Unha vez estudiados os diferentes Planos da Cidade nos que aparece referido o noso barrio: o xa mecionado de Juán López Freire (1796), o Plano de Santiago de Compostela de Francisco Coello (1848/1870) , o da "Guía de Santiago y Alrededores" de D. José M. Fernández Sanchez e D. Francisco Freire Barreiro (1885), ou o Plano de la Antigua Ciudad de Santiago de Compostela da "Geografía General del Reino de Galicia" de F. Carreras y Candi (1920), o que queda relativamente claro é que o Barrio da Almáciga até ben comezado o Século XX experimentou moi poucos cambios, e foi só a partir de ese século cando iniciou a súa propia metamorfose.
A CAPELA DE PASTORIZA:
É unha bonita capela de estilo Greco-romano mandada construir no Século XIX por Frei Rafael de Vélez, que era Arcebispo de Compostela naqueles tempos. Foi adicada á Virxe Santísima co título de "A Divina Pastora", que era a patrona da Orde dos Capuchinos á que pertencía o Prelado. Esta capela nunca foi feligresía pois sempre dependeu da Parroquia de San Miguel dos Agros, situada no casco vello de Compostela.
Parece claro que antes de esta definitiva construcción houbo no mesmo solar outra construcción relixiosa anterior, posiblemente unha hermida, este feito pode ser claramente apreciado no Plano de Santiago de Compostela elaborado en 1796 por Juán López Freire.
Era moi devota naqueles tempos entre os habitantes da zona a imaxe do "Santísimo Cristo da Paciencia" que se veneraba alí, e á que se adicaba un solemne Novenario nos primeiros días da Cuaresma.
Arredor da "Pastoriza", que é como se solía chamar en Galicia á Divina Pastora, e por ámbolos dous laterais foi habilitado un cemiterio que era o propio da Parroquia de San Miguel dos Agros. Este Campo Santo foi pouco utilizado pois foi pechado no mesmo Século XIX ó inagurarse o chamado "Cemiterio Xeral" en 1847 en San Domingos de Bonabal.
Hoxe en día deste cemiterio só queda un lateral, o dereito, e é coñecido popularmente como o "Cemiterio Carlista de Pastoriza" debido a que foi utilizado nese periodo da Guerra Carlista para facer os enterramentos.
O CONVENTO DE SANTA CLARA:
O primeiro edificio do complexo conventual foi construído na zona actual no Século XIII, máis concretamente no ano 1260, nuns terreos cedidos por un burgués compostelano da época. As Clarisas orixinariamente estiveran asentadas na zona de San Lourenzo desde o ano 1240 cando Dona Violante de Castilla, muller do Rei Alfonso X "O Sabio" fundara o primeiro convento.
Máis tarde, e a finais do Século XV, as Monxas que habitaban o antigo Convento que estaba situado no que hoxe é a Igrexa de San Miguel dos Agros trasladáronse tamén a Santa Clara.
O edificio actual é producto dunha remodelación de factura Barroca rematada no Século XVII por Pedro Aren. Ten unha peculiar fachada-telón feita no Século XVIII por Simón Rodríguez que acocha a orixinaria fachada do Convento, máis sinsela, que se atopa tras un pequeno xardín, e ten unha gran horta amurallada situada na parte posterior dos edificios do Convento.
Debido ó gran número de "dotes" que levaban con elas as monxas cando entraban no Convento e debido tamén a donazóns testamentarias foron acumulando e chegaron a ter no pasado un moi grande número de terras e feligresías por toda a provincia da Coruña sobre todo. Debido á titularidade de estas ou ó cobro das prevendas das súas titularidades, tiveron un grande número de litíxios.
No ano 1836 as monxas foron expulsadas do Convento debido á política de "Desamortización" e o complexo conventual foi empregado como Cuartel do Exército. Moitos dos elementos artístico-arquitectónicos orixinais, feitos todos con madeira, foron lamentablemente queimados naquel periodo pouco a pouco polos Soldados para mitiga-lo frío.
Tras varios anos de ocupación o Convento voltou ás mans das Clarisas gracias a un particular que mercou outra vez o convento ó Exército e posteriormente fixo doazón ás relixiosas.
SAN DOMINGOS DE BONAVAL:
Na actualidade, e desde 1977, as dependencias monacais deste edificio son sé do "MUSEO DO POBO GALEGO", gran referente da cultura galega na nosa cidade, así mesmo tamén está situado na Igrexa do edificio o Mausoleo chamado "PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES" onde están soterrados persoeiros tan importantes para Galicia como: Castelao, Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, ou Francisco Asorey. Tamén estivo situado no baixo-soto do edificio antigamente, e até o seu posterior traslado a San Caetano, o Cuartel dos "Bombeiros" de Compostela.
Orixinariamente foi un "Convento Dominicano", e a tradición atribue a súa fundación a San Domingos de Guzmán (Santo titular da Orde) no Século XIII, na súa segunda peregrinación a Compostela no ano 1219. Este Santo era descendente da Familia galega dos "Condes de Traba". O templo foi consagrado no ano 1230. Atopábase extramuros da cidade fronte á entrada da muralla chamada "Porta do Camiño".
A primitiva Igrexa Gótica Medieval construída na primeira metade do Século XIII remodelouse a cabalo entre finais dese mesmo século e comezos do Século XIV, periodo no que tamén se ergueu o "Cruceiro". Esta Igrexa de cabeceira gótica ten planta de cruz latina con tres naves, sendo a central a maior, así como varias capelas. A "Capela do Evanxeo" conserva o Púlpito desde o que predicou o orador medieval San Vicenzo Ferrer. A "Capela da Epístola" contén a imaxe sedente de Nosa Señora de Bonaval (Obra de comezos do Século XVI).
Os muros da Igrexa conservan catro Sepulcros (Un home e tres mulleres) adornados con labras heráldicas de membros pertencentes ás Casas de: Andrade, Ulloa e Moscoso. Tamén conserva sepulcros de fins do Século XIV a "Capela de San Pedro Mártir". A fachada data do ano 1561 e foi custeada por Rodrigo de Moscoso.
As obras máis interesantes de remodelación feitas no conxunto histórico de Bonaval tiveron lugar a partir do ano 1665, obras como a curiosa e coñecida "Escaleira Trihelicoidal" de tres tramos que comunica as tres plantas do Convento, a "Fachada Barroca" do Convento na que destaca o grande escudo dos "Condes de Altamira" e unha imaxe de San Domingos, ou tamén o "Campanario"da Igrexa; obras todas emprendidas polo arquitecto da Catedral de Santiago naquel periodo, Domingo de ANDRADE.
En 1841, trala "Desamortización", o Convento de San Domingos de Bonaval converteuse en Hospicio. Este conxunto foi declarado "Ben de Interese Cultural" no ano 1912.
PARQUE DE SAN DOMINGOS DE BONAVAL:
No que hoxe é o "Parque de San Domingos" estiveron amurallados antigamente: xardíns, hortas, e terras de lecer dos "Monxes Dominicos", é dicir, era parte do "Convento de San Domingos". Aínda se poden ollar restos de antigas construccións e varias fontes.
Tamén estivo na zona Norte do recinto o antigo "Cemiterio Xeral de Compostela" inagurado no ano 1847, posteriormente a inicios da década do 1990 foron baleiradas as tumbas e nichos que existían e tivo lugar a remodelación de todo o conxunto para converter toda a extensión no actual Parque, obra do arquitecto luso Álvaro SIZA.
Máis recentemente, en Xaneiro do ano 1933, na zona máis alta deste parque instalouse a primeira antena e fíxose a primeira emisión de Unión Radio Galicia (EAJ4), emisora decana de Galicia, motivo polo cal existe unha placa conmemorativa que lembra esta ubicación.
QUEN FOI FRANCISCO ASOREY:
Francisco Asorey González foi un dos máis importantes e recoñecidos escultores galegos. Membro da "Real Academia Galega" e da "Real Academia Nuestra Señora del Rosario". Escultor da Xeración de 1916 ou "Novecentísimo" naceu a finais do Século XIX, o 4 de Marzo do ano 1890 en Cambados (Pontevedra) e morreu en Santiago de Compostela o 2 de Xullo de 1961. Foi veciño do Barrio da Almáciga, de aí o feito de que a nosa Asociación e dúas rúas do propio Barrio, a Rúa do Escultor Asorey e a Travesa do Escultor Asorey, leven en homenaxe a él o seu nome.
Realizou a súa aprendizaxe artística e cultural en Barcelona, na "Escola Sarriá". Pouco despois desprazouse a Baracaldo (Biscaia) onde montou o seu primeiro taller; trocou o Modernismo da súa etapa de formación Catalana polo Costumismo. As súas tallas comezaron a definirse polo carácter rústico das figuras, nas que se apreciaban os trazos do artista sobre a madeira (de carballo xeralmente) e sobre o granito.
En 1918 conseguiu a praza de Escultor Anatómico na "Facultade de Medicina" de Santiago de Compostela. No 1919 casou nesta mesma cidade, o que fixo que se establecese definitivamente en Compostela.
Montou o seu segundo taller no Barrio da Almáciga, máis concretamente na zona coñecida como "Caramoniña". Desde ese momento comezou a crear un tipo indíxena do galego, figuras loiras e de ollos azuis que redundaban nas Teorías Celtas da orixe galega, algo que os seus coetáneos denominaron "encarnación da alma galega".
Unha das súas obras máis polémicas foi a chamada "Santa" (actualmente na Casa de Galicia en Montevideo). Esta talla representa o corpo espido dunha muller, dona da terra e cultivadora dos froitos, representa o matriarcado galego, adorna a figura con follas de carballo, cordas e relevos xacobeos. Durante a exposición desta talla foron moitas as malas críticas por tratarse dunha figura espida, entre os ilustres críticos a Raíña Victoria Eugenia que mesmo tachou a Francisco Asorey de "non ter vergonza", pouco despois este tivo a oportunidade de desquite ó negarse a esculpir unha talla da Soberana.
Durante os anos 30 traslada o seu taller a zona de "Santa Clara", tamén no Barrio da Almáciga, as imaxes relixiosas e os bustos (varios deles en mármore) tamén caracterizaron a obra de Asorey nese periodo. Ó mesmo tempo deste traslado de ubicación do seu taller comeza a súa etapa Expresionista, seguramente a máis coñecida do autor. Entre as súas incursións expresionistas chama a atención a realización do Tripe Capitel do "Hotel Compostela" en Santiago que representa un Banquete empregando diversas figuras en escorzos ás que lles engade máis movemento a través dos perfís e dos volumes.
Seguiría un periodo escultórico Sub-realista na súa vida. Posteriormente entraría no Pos-cubismo que abrangue os derradeiros anos 30 e a década dos 40. Neste periodo descubre as moitas posibilidades expresivas das fendas, dos ocos e das concavidades no material esculpido.
Logo da "II Guerra Mundial" formou parte da tendencia do Realismo Humanista, etapa que compaxinou coa docencia no "Instituto Rosalía de Castro", na "Escola de Artes" e na "Escola de Traballo", todas na nosa cidade. Unha das súas tallas máis importantes na nosa cidade foi a figura escultórica de "San Francisco" que preside a entrada do Convento compostelán co mesmo nome. Sería interminable facer unha mención ou resumo das súas máis importantes tallas, e habería que nomear exemplos de tódolos periodos artísticos que influíron na súa vida, polo que, se queres obter máis información aconsellamos a lectura da obra "EL ESCULTOR FRANCISCO ASOREY" de Ramón Otero Núñez.
ACTIVIDADES XERAIS:
O BARRIO GAÑA 0 2º PREMIO NO CONCURSO DE BELENES:
Un ano máis a nosa Asociación presentou a concurso un Belén feito por raparigos e raparigas do noso Barrio seguindo as Bases estipuladas apara optar ao premio, e por segundo ano consecutivo foi premiado co 2º Posto (O 1º foi para o Barrio de Sar).
No caso do Barrio da Almáciga foi gratificado cun vale de compra para material para a Asociación por valor de 180 €uros, premio que foi entregado o pasado día 10 de Febreiro pola Concelleira de Centros Socio-culturais a unha representación da "A. VV. FRANCISCO ASOREY" encabezada polo seu Presidente e acompañado por catro dos rapaces que participaran na elaboración do citado Belén.
Por outra banda o pasado 28 de Decembro "O Paxe Real" dos REIS MAGOS visitou e estivo falando cos meniños e meniñas do Barrio. Foi recibido con dúas actuacións do "Grupo de Baile Infantil" da Asociación de Veciños, e pola súa banda o Paxe Real trouxo a dous Paiasos que fixeron as delicias dos raparigos. Posteriormente se fixo entrega á Asociación de material e xogos educativos e de entretenemento para que poidan ser desfrutados polos nenos do Barrio.
© 2012 Todos los derechos reservados.